"A investigación cambia o mundo". A ciencia feita en Galicia
O alumnado de 6º de Educación Primaria do noso centro tivo a sorte de recibir a visita de María de la Fuente Freire, recoñecida investigadora galega, que compartiu con nós unha charla apaixonante sobre a ciencia feita en Galicia.
Cun título tan evocador como “A investigación cambia o mundo”, María falounos da súa experiencia como científica, explicando que a investigación é unha ferramenta fundamental para mellorar a nosa sociedade, e que tamén é unha viaxe chea de preguntas, descubrimentos e aprendizaxe constante. Animou ao alumnado a manter a curiosidade, a facerse preguntas e a non ter medo a explorar novos camiños.
Un dos puntos máis destacados da charla foi a reflexión sobre a igualdade na ciencia. María recalcou que se pode facer ciencia en galego e en feminino e que, aínda que se conseguiron algúns avances, queda moito camiño que percorrer para que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades no mundo da investigación, independentemente do seu xénero. Por iso, convidounos a loitar contra os estereotipos e a crer nas nosas capacidades, xa que, a ciencia necesita de todas e todos.
Comentarios
Publicar un comentario