Presentación da versión galega do primeiro dicionario de medicina ilustrado
O venres tivo lugar na Aula Castelao da Facultade de Medicina a presentación da versión galega de DIXIMED: Primeiro dicionario de medicina ilustrado.
Trátase dun dicionario en liña dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que pretende explicarlles, nunha linguaxe adaptada a eles, o significado das palabras que se empregan con máis frecuencia para falar da súa saúde e das enfermidades que adoitan padecer.
Esta versión galega foi elaborada polo Servizo de Normalización Lingüística da USC, coa colaboración do alumnado dos últimos cursos do CEIP López Ferreiro, que lle puxo voz ás definicións que contén a obra.
Na presentación desta iniciativa, que xa recibiu varios galardóns, falaron Rosa Estopà, coordinadora do proxecto e profesora do Departamento de Tradución e Ciencias da Linguaxe da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, Xusto Rodríguez do Servizo de Normalización Lingüística da USC e Pilar Murias, vicerreitora de estudantes e cultura da universidade compostelá.
O noso actual alumnado de 6º de Primaria e os nenos e nenas de 1º da ESO dos IES Xelmírez I e Xelmírez II (antigo alumnado do centro o curso pasado), participou na lectura de termos e na resolución xogos interactivos, atopando a definición correcta.
Foi unha xornada festiva, na que se puxo en valor a importancia de achegar unha iniciativa coma esta ao mundo da sanidade e para un público destas idades.
Comentarios
Publicar un comentario