Benvida ao blog de Fai un trato co galego!

Benvidas e benvidos ao novo blog do CEIP López Ferreiro!

Este curso 2023/2024, solicitamos participar no Plan Proxecta +, a través dun proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística. A nosa iniciativa, denominada Fai un trato co galego! foi seleccionada e está a ser coordinada desde o EDLG.

O CEIP López Ferreiro dá continuidade a un traballo que o EDLG do noso centro vén desenvolvendo dende o curso 2020-2021. Inicialmente, trabállase con persoas de diferentes ámbitos da cultura e, despois, cun texto orixinal que leva o mesmo título e que se representaría na XXVII edición do Festival de Teatro Intercentros.

Quérese atender ademais, as demandas que fixeron as familias, que sinalaron a súa preocupación polo uso do idioma entre o alumnado e a necesidade de darlle un novo impulso e posta en valor entre os nenos e as nenas.

Temos presentes os ODS da Axenda 2030 (especialmente o ODS 4) e esta iniciativa parécenos moi acaída para promover o achegamento, a aprendizaxe e a valorización da lingua galega e para fomentar unha educación inclusiva, equitativa e de calidade. Entendemos que a nosa proposta debe ser entendida como un proxecto de participación social e cidadá que favoreza a acollida de todas as alumnas e de todos os alumnos. Consideramos, por suposto, que a escola debe actuar como compensadora de desigualdades en todos os ámbitos. Queremos que o noso alumnado entenda este proxecto como establecemento de redes de apoio colaboración e intercambio educativo, social e laboral. Pretendemos fomentar a cultura da colaboración e establecer no centro redes sólidas de innovación.

É unha proposta a 3 bandas para poder chegar a todos os públicos.

Fai un trato co galego! Xoga en galego!

Fai un trato co galego! Relaciónate en galego!

Fai un trato co galego! Atende en galego!

Non perdades de vista o noso traballo para saber como desenvolvemos esta iniciativa!

 

 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Fai un trato co galego! Xogamos coas cores